jueves, 7 de mayo de 2020

TODOS A RECICLAR!

O 17 de maio celebraremos o día da Reciclaxe.
Reciclar os residuos é unha responsabilidade que temos cada un de nós co noso Planeta, e hai que transmitir este hábito aos nosos fillos para que vaian adquirindo unha conciencia ecolóxica.
Hai que ensinarlles a seguir a regra das 4R: reducir, reutilizar reciclar e recuperar.
Reducir a cantidade de lixo que tiramos, reutilizar envases e bolsas, reciclar materiais como o plástico e recuperalos para volver a usalos.
Para celebrar este día imos a propoñer algunhas actividades para ensinar aos nenos, dunha forma divertida, como reciclar e reutilizar.
Nenos, lembrádesvos dos contedores que temos no colexio de Leiro?

Xa sei que os nosos non teñen os carteliños brancos, pero é para que vexades como podedes realizalos.

Pois imos debuxalos nun folio e despois colorealos cada un da súa cor: vidro-verde, plástico-amarelo, papel e cartón-azul e orgánico verde. 
Este último vai pasar a ser marrón (en moitos concellos xa ten esta cor).
Non tedes que facer a forma de cada contedor, podedes debuxar cadrados como as caixas que temos na escola.
Despois poñeredes os seus nomes en carteliños (plástico, vidro, orgánico e papel e cartón), e pegaremos cada un no seu contedor correspondente.
Utilizaremos unha cartolina branca para pegalos separados (tamén pode ser nos azulexos da cociña ou no contedor correspondente que tedes na casa) e, ao redor de cada un ou enriba poñeremos os obxectos que hai que tirar nel. Estes podedes recortalos de folletos de supermercado e droguería, debuxalos, imprimilos de internet, etc.
O que queremos é que cando vaiades a tirar o lixo, saibades onde hai que facelo.


E agora imos a darlle outra vida a obxectos que temos pola casa!

Os calcetíns vellos son xeniais para facer un monicreque-serpe. Neste vídeo ensínannos como realizalo. Para os ollos, outra opción son botóns. Aquí tedes o enlace:


Un cempés cun cartón de ovos. Para elaboralo tedes que recortar cada compartimento para ovos, pintalos e pegalos. Para os ollos tamén podedes utilizar botóns pequenos, pegatinas, debuxalos e pegalos, etc.


Un labirinto cunha caixa de zapatos ou outra que teñades.



Neste con tubos de papel hixiénico, imos sumando puntos.  


Un xogo de bolos con botellas de plástico (mellor que sexan todas do mesmo tamaño) que tedes a opción de pintar. 
A bola pode ser unha pelota pequena que teñades por casa. Tamén, podedes construíla reutilizando papel de aluminio ou poñendo nunha bolsa pequena arroz (despois facedes un nó e cortades o que sobra). En ámbolos dous casos, a continuación colledes un globo, cortádeslle a boca e metedes dentro ou o papel de aluminio ou a bolsiña de arroz. 
Para que non caian as botellas tan facilmente, tedes que poñerlle dentro un pouco de area, terra, sal ou o que teñades na casa. 


Xogo de encestar o aro confeccionado cun tubo de papel de cociña e pratos de cartón ou plástico reciclados. Os aros, tamén podedes facelos con cartóns ou cartolinas que teñades por casa utilizando un prato máis grande e outro máis pequeno para realizar os círculos. 


E si os encestamos no nariz dun elefante?


Aquí un vídeo de como elaboralo: https://youtu.be/ESFmyyReuxw

E para rematar, dende o Salón do Libro Virtual de Pontevedra, propóñenvos:

A Pímbola. Foi un xogo moi popular durante moitos anos e que agora, atopamos 
na súa versión electrónica ou mecánica.


                                               Neste enlace, explican como realizalo:

Un minigolf, feito tamén con material de refugallo. 


Nesta páxina, tedes un vídeo de como construílo:

SON MOITAS COUSAS VERDADE!
NON É PARA QUE AS REALICEDES TODAS!
SOAMENTE PARA QUE TEÑADES VARIADADE PARA ESCOLLER.

No hay comentarios:

Publicar un comentario