domingo, 27 de marzo de 2022

COMEMOS COCIDO!

Vanesa, a nai de Benito da aula de Lois, mandounos a receita e fotos do cocido que fixeron e ao que puxeron o repolo que lle tocou ao seu neno.

No correo que nos enviou dinos que con un bo repolo faise un bo cocido. 

Despois explícanos como foi o proceso para realizalo:

Primeiramente collemos unha olla  e poñémola con auga a ferver coa carne sen sal, agulla de tenreira, zanco de polo, chourizos e un anaco de unto. Cando este todo ben cocido sacamos a carne.

A continuación imos cocer o repolo, que previamente lavamos e cortamos en cachos, e  engadímoslle uns grelos (estes son da horta da familia de Benito) e patacas.

Cando vaian a estar cocidas as patacas e verduras, volvemos a meter a carne e chourizos na olla para que todo este ben quentiño.


QUE RICO COCIDO!

GRAZAS POLAS FOTOS E RECEITA!

miércoles, 23 de marzo de 2022

E A ÁRBORE EUROPEA DO ANO 2022 É...

 A gañadora da "Árbore Europea do Ano 2022" foi o "roble Dunin" de Polonia.


A representante española, que era "O Carballo do Bosque do Banquete de Conxo" de Santiago de Compostela, quedou segunda.

Dende a aula de natureza queremos darlle os nosos parabéns a nosa representante por este segundo posto e por ser a gañadora da "Árbore do Ano en España 2022".

martes, 22 de marzo de 2022

RECEITA DE ALICIA

María del Carmen, a mamá de Alicia de Ribadumia B, enviounos fotos e a receita que fixeron co repolo que lle tocou a súa filla.

Ingredientes: repolo, aceite, allo, cenoria e pataca.

Preparación:

Poñer nunha tarteira un pouco de aceite con un pouco de allo laminado.

Cortar o repolo en tiras delgadiñas e engadilo xunto con unha cenoria e unha pataca.

Cocer todo agregando unhas gotas de auga.

Dinos que é un bo acompañante, por exemplo, para un bisté... A Alicia encántalle así!



MOITAS GRAZAS POLAS FOTOS!

QUE BEN COME ALICIA O REPOLO!

DÍA DA AUGA

 O 22 de marzo, conmemoramos o Día Mundial da Auga.

Este ano o foco de atención céntrase nas augas subterráneas, que son  invisibles e teñen uns efectos que se aprecian en todas partes. Estas, tras alimentar mananciais, ríos, lagos…, finalmente fíltranse aos océanos. A súa principal fonte de recarga é a choiva e a neve que vai a través do chan e, poden extraerse á superficie por medio de bombas e pozos.

A vida sen elas non sería posible, xa que a maioría das zonas áridas do Planeta dependen por completo deste recurso, que subministra unha gran parte da auga que se utiliza nas casas, na produción de alimentos, saneamentos…

Na aula de natureza estivemos lendo o conto “Aventuras de una gota de agua”. 

Narra a historia dunha gota de auga que despois de vivir moito tempo baixo terra, sentiu moitas ganas de saír a ver a luz. No seu percorrido atoparase con animais, plantas, árbores, persoas…, que lle irán dando as grazas por axudarlles a medrar, darlles alimento…

ACELGAS

 Os nenos da aula de Leiro estiveron plantando acelgas no invernadoiro.

Tedes máis fotos AQUÍ.

lunes, 21 de marzo de 2022

DÍA DOS BOSQUES

 Hoxe, 21 de marzo de 2022, celebramos o Día Internacional dos Bosques.

Dende 2012 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarouse este día, para concienciar a poboación da importancia dos bosques e para loitar contra a deforestación.

Na aula de natureza estivemos falando do importantes que son as árbores e enumeramos moitas das cousas que nos proporcionan: madeira, alimentos, oxíxeno, sombra, son a casa de animais…

Despois estivemos escribíndoas, nunha árbore, para animar a todo o mundo a coidalas e protexelas.

Tamén estivemos lendo o conto “El viaje de Papelote” que trata sobre unha árbore que vivía feliz na selva do Amazonas, ata que un día chegaron uns homes que o cortaron e levaron para convertelo en papel.

Esta historia que ten como finalidade que todos tomemos conciencia de que a natureza e o medio ambiente son o noso maior tesouro e por iso temos que amalos e preservalos.

martes, 15 de marzo de 2022

COMO COMEN REPOLO ESTES NENOS!

Vanessa, a nai de Xulia de Ribadumia A, enviounos unha foto da súa filla comendo o repolo que levou para casa con patacas.

Marta, a mamá de Aarón da aula de Leiro, mandounos unha foto do seu neno comendo o repolo con patacas e ovos.

MOITAS GRAZAS POLAS FOTOS!

QUE PRATOS MÁIS RICOS E SAUDABLES!

domingo, 13 de marzo de 2022

RECEITA CON REPOLO

Sonia, a mamá de Sofía de Ribadumia B, mandounos fotos da comida que fixeron co repolo que lle tocou a súa filla no sorteo que realizamos coas verduras do noso invernadoiro.

Prepararon un cocido e un caldiño, e os ingredientes que utilizaron foron: fabóns, repolo, patacas e carne do porco, óso de tenreira, 2 chourizos e unto.

Preparación:

Despois de ter a remollo os fabóns unhas 12 horas, puxéronos a cocer coa carne de porco (costela, pé, rabo, pezuño, panceta e orella), un oso de tenreira, 2 chourizos e un cachiño de unto. Cando todo isto estivo feito, sacárono e botaron o repolo picado e as patacas. A continuación, deixárono cociñar e retirárono do lume e a o día seguinte volveron de novo a quentalo.




Todo isto fixérono na cociña de leña.

Dinos que estaba riquísimo!!

MOITAS GRAZAS POLA RECEITA!

ENCÁNTANOS VER A SOFÍA COMENDO!

O REPOLO QUE LLE TOCOU!

lunes, 7 de marzo de 2022

SURFINIAS

 Hoxe os alumnos de Leiro estiveron plantando surfinias no xardín.

Neste ENLACE hai máis fotos dos nenos.

viernes, 4 de marzo de 2022

CINERARIA

 Os nenos da aula de Sisán estiveron plantando no xardín cinerarias.

Ten unhas flores moi bonitas parecidas ás das margaridas, pero con moitas máis cores.

Pinchando AQUÍ tedes máis fotos.

REPOLOS

Xa creceron os repolos que plantamos no invernadoiro, e estamos facendo o seu sorteo entre os nenos das distintas aulas do C.R.A.




miércoles, 2 de marzo de 2022

QUE RICAS PIZZAS!

Mónica enviounos a pizza que fixeron coa coliflor que lle tocou a súa filla Alba de Ribadumia A.

Os ingredientes que utilizaron foron:

Para a base: unha coliflor, dous ovos, unha cullerada de pan raiado, queixo mozzarella e sal.

Para a pizza: tomate, xamón cocido, queixo mozzarella, atún, champiñóns e olivas.

Realización:

Primeiro picaron a coliflor nunha picadora e puxérona nunha cunca.

Despois metérona no microondas 8 minutos a máxima potencia.

A continuación engadiron un chisco de sal, dous ovos e unha cullerada de mozzarella e outra de pan raiado.

Mesturaron todo ata acadar unha masa, á que deron forma nun papel vexetal.

Despois metérona no forno 20 minutos a 180º.

Unha vez lista a base, fixeron a pizza engadíndolle tomate, un pouco de mozzarella, xamón cocido en cachiños, un pouco de atún, uns champiñóns e unhas olivas.

Para rematar agregaron outro pouco de mozzarella por enriba, puxérona no forno uns 10-15 minutos e... LISTA PARA COMER!

AQUÍ TEDES Á COCIÑEIRA ALBA REALIZANDO A PIZZA!





Natalia, a nai de Sofía de Lois, tamén mandou outra receita de pizza que ten como base a coliflor que lle tocou.

Dinos como non lle gusta esta verdura, por iso quixo facer algo que non probara a nena para ver se a comía. Ao final, aínda que lle encantou todo o proceso de realización a pizza non. Pero espera que vaia pouco a pouco cambiando de opinión.

Para a base utilizaron: 400g de coliflor, 2 ovos, 100g de queixo de ovella ou cabra, pementa negra e ourego e “albahaca”

E así a fixeron:

Puxeron a coliflor na thermomix 20 segundos a velocidade 5. Despois botaron o resto dos ingredientes 15 segundos a velocidade 4. A continuación estenderon a masa nun papel vexetal que estaba nunha bandexa de forno e, para rematar volveron a poñer a base 20 minutos a 220º.

Unha vez cociñada a base, utilizar os ingredientes que se queiran para facer a pizza e volver a enfornar entre 5 e 10 minutos a 180º.




TEÑEN QUE ESTAR RIQUÍSIMAS!

MOITAS GRAZAS POLAS REPORTAXES FOTOGRÁFICAS!