sábado, 24 de marzo de 2018

A QUE XOGAMOS?

De correr ou agochar, de grupo ou equipo, de roda, con pelota, de lanzar, das chapas, da goma, da corda…, consideramos que todos estes xogos tradicionais que teñen gran valor como transmisores de cultura e tradición están sendo anulados polos electrónicos ou online. Por isto, pensamos que é moi importante ofrecer aos nenos enredos diferentes aos que hoxe en día marca a publicidade. Fronte aqueles nos que prima o propio xoguete, e nos que é moi difícil compartir a actividade e interactuar con outros rapaces, e moito mellor o xogo en compañía de amigos. Deste xeito, ademais de favorecer a súa socialización, aprenden a acatar e entender as distintas normas e regras dos mesmos e a divertirse sen necesidade de contar con elementos auxiliares como os xoguetes, videoxogos…
Así que decidimos poñer en marcha un novo caderno viaxeiro, que vai percorrer os fogares dos nosos alumnos. Con el pretendemos recuperar eses xogos tradicionais aos que xogabamos nós de pequenos. Cando xa teñamos un cantos, coa axuda da mestra Olalla (de Educación Física), iremos practicándoos para que todos os vaian coñecendo.


EXCURSIÓN A APÍPOLIS

O venres 23 de marzo, fixemos unha saída a Apípolis. Trátase dun centro que pretende que os nenos comprendan as relacións que existen entre os seres humanos e as abellas e a importancia que teñen estas para nós e para o medio no que nos desenvolvemos. Durante a mañá realizaron moitas actividades: contáronlles un conto sobre as abellas e viron a exposición, puxeron os traxes de apicultores e visitaron o apiario, fixeron galletas de mel, repasaron os produtos que dan as abellas, realizaron a extracción do mel, probaron o polen e o mel e fixeron unha vela.




jueves, 22 de marzo de 2018

DÍA DA AUGA




Como cada ano, o 22 de marzo, celebramos o día da auga. Nesta ocasión, co lema “Natureza ao servizo da auga”, perséguese encontrar solucións baseadas na natureza para resolver os desafíos relacionados coa auga aos que hai que enfrontarse no século XXI. A campaña denominada “a resposta está na natureza”, quere facer reflexionar sobre a necesidade de harmonizar o entorno natural coa infraestrutura creada polo ser humano. E así, encontrar formas de reconectar ríos con planicies, reforestar bosques e dar espazo á natureza para volver a equilibrar o ciclo da auga.  Deste xeito, podemos mellorar a saúde dos ecosistemas e a calidade de vida.
Na aula de natureza, estivemos lembrando o importante que é a auga para a vida de persoas, animais e plantas. Tamén, que temos que aforrala, xa que hai moita xente no mundo que non ten a cantidade necesaria para vivir.

Despois fixemos un mural, no que dunha nube caen moitas pingas nas que os nenos escribiron algunhas das cousas que podemos facer para non malgastar.




miércoles, 21 de marzo de 2018

DÍA INTERNACIONAL DOS BOSQUES



No ano 2012, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 21 de marzo como Día Internacional dos Bosques. Coa súa celebración, o que pretenden é render homenaxe á importancia que teñen todos os bosques e, animar a todos os países a adoptar iniciativas para organizar actividades como campañas de plantación de árbores.
O lema deste ano 2018 é, “Os bosques e as cidades sostibles”. A través del, queren transmitirnos que temos que facer das nosas cidades lugares máis limpos, verdes e saudables para vivir.
Na aula de natureza estivemos falando do importantes que son os bosques e as árbores, e de todos os beneficios que nos dan. 


Como o tempo non está permitindo que saiamos ao noso xardín, á volta das vacacións de Semana Santa cada aula plantará unha árbore para animar a toda a xente a facer o mesmo.

miércoles, 14 de marzo de 2018

AS NOSAS ÁRBORES FROITEIRAS

Na aula de natureza, estamos facendo un libriño onde recoller todas as árbores froiteiras que plantamos no noso xardín. Deste xeito, tamén coñecemos os seus nomes en galego e o dos froitos que nos dan.

miércoles, 7 de marzo de 2018

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Co fin de conmemorar a loita da muller pola igualdade de xénero, cada 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller.
Para sumarnos a esta iniciativa, no C.R.A de Ribadumia estamos traballando a Colección “Pequeña & Grande” da editorial Alba. Son uns contos cós que os nosos/nosas alumnos/alumnas descubrirán quen eran e que lograron as máis grandes mulleres da historia contemporánea. Gloria Fuertes, Jane Austen, Marie Curie, Frida Khalo, Ada Lovelace, Audreu Hepburn, Coco Chanel, Amelie Earthart, Ella Fitzgerald, Dian Fossey, Agatha Christie…, mulleres únicas e marabillosas das que aprender e coas que identificarse.
Podedes ver nos blogs de Leiro, Ribadumia A, Ribadumia B, Sisán e Lois, cales son as mulleres que escolleron e as actividades que realizan en torno a elas.
Na aula de natureza, traballaremos a Dian Fossey. Esta muller, foi unha zoóloga norteamericana recoñecida polo seu labor científico e a súa defensa dos gorilas das montañas. O seu forte carácter, levouna a loitar ferozmente contra o tráfico de animais e a caza furtiva.