domingo, 31 de mayo de 2020

O CASTIÑEIRO E OS GARAVANZOS DE MARIO

Lembrádesvos dos garavanzos que puxo Mario de Ribadumia nun bote, con algodón mollado, para que xerminaran?
Xa colgamos no blog unha foto de como estaban brotando.

E aquí tedes o moito que medraron! 


Agora, vai transplantalos á terra para que a planta teña máis espazo para seguir crecendo.

Tamén plantou un castiñeiro, pero para ver as castañas vai ter que esperar algúns aniños.


Susana, a súa mamá, dinos que Mario cóidaos moito.

MOI BEN MARIO!

martes, 26 de mayo de 2020

OS OCÉANOS

O 8 de xuño celebraremos o Día Mundial dos Océanos.
Os océanos son moi importantes na nosa vida xa que, son os pulmóns do noso Planeta. Xeran a maioría do osixeno que respiramos, regulan o clima e ofrecen nutrintes.
Nos últimos anos temos o problema da contaminación por plásticos e microplásticos, debido a que máis de oito toneladas deles acaban nos océanos cada ano, con graves problemas para a vida mariña, a pesca e o turismo. Por iso hai que reciclar e elixir formas de consumo responsables.
Como xa vimos na escola, os plásticos e demais lixo que acaba no mar tardan moitísimo en descompoñerse e supoñen moito perigo para os peixes, tartarugas, aves…, que poden quedar atrapados ou comelos por confundilos con alimento.


Aquí tedes algunhas alternativas para utilizar menos os plásticos.


Para conmemorar este día, primeiramente vou poñer un vídeo conto que leva por título “Aqualika”. Nel, os animaliños do mar, mobilízanse ante as consecuencias contaminantes da actividade humana nos océanos e mares…Basta xa!.


Animádesvos a facer un debuxo sobre o conto?.

Outra proposta é, que fagades animais mariños ou acuarios con algúns deses materiais de refugallo que moitas persoas tiran ao mar. Deste xeito mostraremos a todos que a moito do lixo que tiramos podemos darlle unha nova vida, evitando así a contaminación dos nosos océanos.
Aquí tedes algunhas opcións:







https://youtu.be/UmZgsnY8fMQ peixe con cartolina
https://youtu.be/ESFTDkai_Ks peixe polbo e cangrexo con platos
https://youtu.be/y8oBBXOPKuU Marcapáxinas de animais mariños

Tamén podedes facer debuxo sobre os nosos mares e os animais que viven neles, e poñer lemas para animar a xente a coidalos e protexelos.

lunes, 25 de mayo de 2020

UN COELLO DE CAMPO

Como xa vimos noutra entrada, Marcos, Adrián e a súa mamá Sandra, como uns verdadeiros reporteiros, nuns dos seus paseos gravaron a unha egua aleitando ao seu poldro.
Tamén comentaran que viran un coello pero que non eran capaces de gravalo en vídeo, xa que escapaba… 
Pois por fin conseguírono!


Como di o refrán: “o que a segue a consegue”.

BRAVO POLOS REPORTEIROS!

O MEDIO AMBIENTE

O 5 de xuño celebraremos o Día Mundial do Medio Ambiente.

A variedade de alimentos que comemos, o aire que respiramos, a agua que bebemos e o clima que fai posible a nosa vida no Planeta, non existirían sen os servizos da natureza. Por iso para coidar de nós mesmos, primeiramente debemos coidar dela.
Aquí tedes un vídeo da Xunta de Andalucía no que Andaluna e Samir, a través do conto “os defensores do Planeta”, queren ensinarnos como podemos axudar a coidar o Medio Ambiente (non consumindo moita auga e enerxía, reciclando, mantendo os bosques limpos, non tirando lixo nas rúas…).


Estas son as miñas propostas para conmemorar este día.
- Boas accións cara o medio ambiente:
Podedes buscar a vosa noticia favorita, sobre como a natureza recuperouse durante o confinamento. Despois enviades o enlace (ou captura), explicades porque é a vosa preferida e facedes un debuxo sobre ela.
- Malos actos respecto ao medio ambiente:
Está habendo accións que non coidan o noso Planeta, como a xente que está tirando as máscaras e luvas no mar, nas rúas,  bosques…
Pois tamén podedes intentar atopar algunha que fale desde problema e, realizar un debuxo poñendo porque non está ben facer isto.
- E, por último, outra opción é elaborar un debuxo cun lema a través do que intentaremos animar ás persoas a coidar o medio ambiente.

viernes, 22 de mayo de 2020

DÍA DA BIODIVERSIDADE

Hoxe, 22 de maio, é o día da Biodiversidade.


As Nacións Unidas, con esta celebración, queren que reflexionemos sobre o efecto devastador que as persoas exercemos sobre a natureza e o importante que é coidala e preservala.
A biodiversidade é importantísima para que poidamos vivir na terra e, a súa perda ameaza incluso a nosa saúde. Isto é debido a que os peixes proporcionan o 20% das proteínas animais a uns 3.000 millóns de persoas, máis do 80% da dieta humana está composta polas plantas e aproximadamente o 80% da xente que viven nas zonas rurais dos países en desenvolvemento, dependen de medicamentos tradicionais baseados en plantas para a atención básica da saúde.
Das actividades que propuxemos para conmemorar este día, estos son os traballos que recibimos.  
Marta de Ribadumia B, decidiu colorear os animais en perigo de extinción. Para facelo, utilizou as cores que máis lle gustaban.

Lía de Leiro, estivo traballando sobre os animais domésticos e silvestres. 
Coa súa familia, falaron dalgúns que están en perigo de extinción e tamén de que hai que coidalos e protexelos. 
Despois escolleron todos os libros que trataban de animais e clasificou algúns, xa que eran moitos, segundo foran domésticos ou silvestres.



E para rematar, debuxou os seus preferidos.


Xulia de Ribadumia A, pintou os animais que están en perigo e escribiu os seus nomes.


Marta de Leiro, para pintalos tamén usou distintas cores.


Marcos de Leiro, partindo dos números do 1 ao 9, debuxou animais.


MOITAS GRAZAS POLOS VOSOS TRABALLOS!

jueves, 21 de mayo de 2020

MARCOS RECICLA E FAI DE REPORTEIRO

Marcos mandounos unha foto, para que vexamos que na súa casa levan o aceite usado ao seu contedor para reciclalo.


BRAVO MARCOS!

E tamén fixo de reporteiro para nós, xa que nun dos paseos que dan viron a unha egua aleitando ao seu poldro e gravárono en vídeo.


QUE VÍDEO MÁIS BONITO!

SEMENTANDO GARAVANZOS

Mario de Ribadumia A e a súa mamá Susana, puxeron nun bote transparente sementes de garavanzos e por enriba algodón mollado, como dixemos na entrada de sementeiros na casa.
Como podedes ver nas fotos... XA ESTÁN XERMINANDO!


QUE BEN SUSANA E MARIO!

Susana e Mario, agora se facedes o mesmo coas sementes do pemento, tomate, cabaza, xudías, sandía, melón… Teredes moitas hortalizas, legumes e froitas para deseñar unha horta ecolóxica.

miércoles, 20 de mayo de 2020

ANIMAIS EN PERIGO

Seguindo coa protección da Biodiversidade, aquí tedes algúns contos que tratan sobre animais en perigo de extinción:
-  O primeiro, forma parte do proxecto LIFE+Desmania para a conservación do desmán ibérico que está en perigo de desaparecer. Este insectívoro de río, ten un aspecto inconfundible, pois non se parece a ningunha outra especie da fauna ibérica. Recorda vagamente a un topo, e a adaptación á vida acuática cambiou  notablemente as súas proporcións, mostrando, fóra da agua, un corpo rechoncho, rematado por diante cun longo apéndice nasal que parece unha trompa e unha cola lixeiramente máis larga que o resto do seu corpo.


“Cuando Nino encontro a Nina”, é un conto no que un desmán chamado Nino emprende unha viaxe nun tramo de río de montaña. No seu percorrido vai encontrando a outras criaturas amigas, inimigas e tamén moitos perigos que vai ter que afrontar.


Outro é “Nos quedamos sin mermelada” que trátase dun conto enmarcado no proxecto LIFE+Urogallo, que pretende sensibilizar sobre os problemas de conservación desta especie ameazada como é o urogallo (sobre todo o Cantábrico).
Nel, da man dunha familia de urogallos do Cantábrico, explicase aos nenos o delicados que son os ecosistemas e como as máis pequenas variacións poden poñer en perigo unha especie.



  E para rematar, “Cuentos cortos de animales en peligro” de Jordi Sierra i Fabra. Nas súas páxinas temos pequenos relatos sobre animais en perigo de extinción como as tartarugas, pingüíns, tigres, baleas, canguros, orangutáns, osos polares… A súa finalidade é que os nenos aprendan a coñecelos e coidalos.



lunes, 18 de mayo de 2020

A BIODIVERSIDADE

O venres 22 de maio, celebraremos o día da Biodiversidade.
Entendemos por biodiversidad o conxunto de todos os seres vivos do Planeta, o ambiente no que viven e a relación que gardan con outras especies. Son todos os animais, as plantas e os organismos, dende os máis grandes, como as baleas, ata os máis pequenos como as bacterias.
A biodiversidade é moi importante para a vida e a supervivencia da natureza. Grazas a ela, se temos un cambio ambiental que no é bo para unha especie, sempre haberá outra que se beneficie, e así sobrevive a natureza dende que apareceron os primeiros organismos vivos. Por exemplo, os dinosauros extinguíronse  pero, afortunadamente, había moitas máis especies na terra que foron capaces de sobrevivir ante as mesmas circunstancias, grazas a isto a vida cambia pero segue o seu curso.
Está en perigo a biodiversidade? Pois si, hai moitas razóns como o comercio e a caza ilegal de animais, a contaminación do aire, auga e solo, a modificación dos hábitats das distintas especies, etc.
Algunhas cousas que podemos facer para contribuír a coidala son: manter limpo o medio ambiente, apaga a luz cando non a necesitemos, pechar a billa cando non esteamos usando a auga, etc. Tamén, se queres unha mascota, elixir mellor unha que este acostumada a vivir coa xente como un can ou un gato, e non outras que teñan que ser capturadas do seu hábitat natural.
Para conmemorar este día vou facer dúas propostas:
- Son moitos os animais que conviven connosco e no noso entorno, e a todos debemos tratalos con respecto. Pois imos quitarlles fotos para facer unha clasificación en domésticos e silvestres. Tamén podemos debuxalos e escribir de que animal se trata, e nos domésticos o nome que lle tedes.
- Estes son algúns animais en perigo de extinción como son o lobo ibérico, aguia imperial ibérica, voitre negro e lince ibérico. Tedes que colorealos (podedes investigar que cores teñen), e poñerlle a cada un o nome que lle corresponda dos que dixen.



 Aquí tedes algúns videos para aprender a debuxar animais:
(como debuxar animais de forma fácil)
(como debuxar animais de forma fácil)
(aprender a debuxar animais cos números).
(aprender a debuxar animais cos números).

domingo, 17 de mayo de 2020

CELEBRAMOS XUNTOS AS LETRAS GALEGAS!

Aquí tedes o vídeo co que o C.R.A de Ribadumia, quere desexarvos a todos un...
 FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!
Nel participaron mestres e familias e, para a música utilizouse a versión que fixo o
 grupo Astarot do poema de Rosalía de Castro “Adios ríos, Adios fontes”.
Montouno a porfe Lupe con todos os vídeos que lle mandamos.


MOITAS GRAZAS LUPE POLO TEU TRABALLO!
QUEDOU CHULÍSIMO!

MOITAS GRAZAS FAMILIAS POLA VOSA PARTICIPACIÓN!

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Hoxe, 17 de maio, tamén celebramos o día das Letras Galegas.
Este ano esta dedicado ao escritor Ricardo Carvalho Calero, que defendeu o idioma galego e escribiu moitos libros no noso idioma.
Un dos seus libros máis famosos é “As pitas baixo a choiva”. Nel, conta unha cousa que lle pasou de pequeno cando quería recoller as galiñas que se mollaban coa choiva e acabaron todos mollados como pitos: as galiñas, el e toda a súa familia.
Dende a aula de natureza, para conmemorar este día decidimos que os nenos e as súas familias elixiran o nome do animal e da árbore que para eles era o máis fermoso ou significativo.
E aquí tedes os que recibimos:
Marcos de Leiro, xunto coa súa mamá Sandra, primeiramente decidiron dar un paseo e mirar as diferentes árbores que tiñan no seu entorno: sobreira, carballo, figueira, castaño, acibo, ameixeira, oliveira, etc. Ao final, elixiron a cereixeira (ou cerdeira).
Para o animal escolleron o coello. A decisión foi porque un día, cando foron a dar unha volta, viron uns poucos no camiño e agora pasan por alí sempre para volvelos a mirar e poder sacarlles unha foto.
Marcos tivo en conta para a elección dos nomes, cal era a árbore e o animal que lle parecían máis bonitos.



Ero de Leiro, elixiu como nome de animal o ourizo e de árbore a maceira.



Para Rosana de Leiro, o nome do animal que máis lle gusta é o esquío e o da árbore é a cereixeira (ou cerdeira).



Dani de Lois, escolleu bolboreta e carballo como nomes de animal e árbore. No debuxo do carballo, púxolle as follas que colleu dela.


Marta de Leiro, decidiuse pola bolboreta e piñeiro.


A familia de Lía escolleu bolboreta como nome de animal e sobreira de árbore. Os debuxos realizounos con acuarelas, pero utilizando as mans e os dedos.



A Carmen de Lois gústanlle moito as castañas e por suposto a seu nome de árbore preferida é o castiñeiro. E esquío é o seu nome de animal, xa que lle parece moi simpático e bonito.


Yago Riveiro de Lois, elixiu bolboreta e maceira como os nomes de animal e árbore que máis lle gustan.


Vera de Ribadumia A, decidiuse pola palabras bolboreta como nome de animal e cereixeira (ou cerdeira) de árbore.


A Adriana de Ribadumia B, parécelle fermosas vacaloura e noceira (ou nogueira) como nomes de animal e árbore.


E á súa irmá Dana, gustáronlle pitiño e piñeiro.


Xulia de Ribadumia A, elixiu bolboreta como nome de animal e maceira de árbore.


Por votación, o nome de animal máis fermoso é a BOLBORETA e no de árbore, houbo un empate entre CERDEIRA OU CEREIXEIRA e MACEIRA.

CANTAS PALABRAS BONITAS TEMOS NO GALEGO!
MOITAS GRAZAS POR PARTICIPAR!