sábado, 17 de octubre de 2015

RIQUÍSIMAS ACELGAS!

Seguimos enchendo de verduras o noso invernadoiro… 
Esta vez, foron os alumnos de Sisán os encargados de plantar acelgas.



Pinchade neste ENLACE para ver máis fotos.

Na nosa aula de natureza fixemos unha ficha, na que escribimos o seu nome e o lugar onde se plantou.

jueves, 15 de octubre de 2015

LEITUGAS PARA O NOSO INVERNADOIRO

Os nenos da aula de Ribadumia A, foron os primeiros en plantar no invernadoiro.
A hortaliza elixida foi a leituga.


Estamos desexando que medren para facer o seu sorteo entre os alumnos do C.R.A…
Tedes máis fotos AQUÍ.

PRÍMULAS E CICLAMEN

Máis flores para o noso xardín!
Esta vez foron os alumnos de Lois os encargados de plantar prímulas e ciclamen.


Máis fotos neste ENLACE.

martes, 13 de octubre de 2015

XA PLANTAMOS!

Os  nenos da aula de Ribadumia B, son os primeiros en comezar a encher de cor o noso xardín…
As plantas elixidas foron as violas… 


Podedes ver máis fotos AQUÍ.

Na aula de natureza fixemos unha ficha para lembrar o seu nome e o lugar onde se plantou.

jueves, 8 de octubre de 2015

TEMOS AMORODOS!

Hoxe saímos ao xardín, cos nenos da aula de Ribadumia A, para buscar e coller os amorodos que xa medraron e están listos para comer. Aínda que eran poucos, xa que os paxaros comeron algúns, deu para compartilos e que puideran probalos todos.





jueves, 1 de octubre de 2015

RECOLLENDO FROITOS SECOS NO NOSO XARDÍN…

Este venres, os nenos da aula de Leiro, van facer unha receita con froitos secos.
Como no noso xardín temos castiñeiro e abeleira a súa mestra Ángeles, propuxo aos alumnos que buscaran e recolleran as castañas e abelás que houbera polo chan ao redor destas árbores.
Aínda que non foron moitas, algunhas atoparon…
                                                                   
                                                                              CASTIÑEIRO
                                                       

                                                                               ABELEIRA



Aproveitando esta actividade de buscar froitos secos, tamén viron o niño que había na abeleira.


PLANTANDO UN FRAMBOESEIRO COS NOVOS MANDÍS

Os alumnos da aula de Ribadumia A, saíron hoxe ao xardín para plantar un framboeseiro. Temos que dar as grazas a Estíbaliz, a mamá de Pedro, que foi quen nolo trouxo para que o plantáramos no xardín e puideramos ter ricas framboesas cando medre.




Para realizar esta actividade estreamos os NOVOS MANDÍS que imos poñer cada vez que saiamos a plantar.






Despois, na aula de natureza, fixemos unha ficha para lembrar o nome deste arbusto, o do seu froito e o lugar onde o plantamos.





Despois fomos ata a nosa abeleira, xa que Sofía dixo que nela había un niño. Esta nena sabía que estaba alí porque durante o verán ela, a súa irmán Andrea e a súa nai Pilar, estiveron vindo ao colexio para dar de comer aos peixes que temos no noso estanque… MOITAS GRAZAS ÁS TRES! 






miércoles, 23 de septiembre de 2015

QUE FACEMOS NA AULA DE NATUREZA?

Esta semana estamos ensinando aos novos alumnos e repasando cos que xa estiveron escolarizados en anteriores cursos, os espazos, recursos e materias dos que dispoñemos na aula de natureza:
- A biblioteca. Lugar onde realizamos os nosos proxectos, aprendemos os nomes das plantas do xardín e invernadoiro, buscamos información nos libros que temos sobre os temas que imos traballando…
-  O xardín e invernadoiro. Onde imos plantar as verduras, sementes, bulbos, flores...
O estanque. No que temos peixes aos que cada día damos de comer (todos os alumnos teñen a oportunidade de facelo durante o curso académico).
 As ferramentas e utensilios que usamos para plantar: pas, luvas, carretas, carteis co nome e foto do que imos plantando…Este curso, como novidade, tamén imos ter mandís.
-  O composteiro. Onde imos botando as mondas das nosas merendas, follas secas, malas herbas…, para facer abonos naturais para as nosas plantas e verduras.
-  A reciclar. Temos contedores feitos con caixas de cartón e forrados con plásticos de cor verde, amarelo e azul. Cada un ten enriba, segundo sexa o do papel, plástico vidro ou orgánico, un cartel coas fotos das cousas que podemos botar nel. A nosa intención e que os alumnos aprendan a separar o lixo e animen as súas familias a facer o mesmo nas casas
-  As nosas mascotas:
·   Verdiño. Que nos axuda a respectar e coidar as plantas do noso xardín e invernadoiro e tamén as árbores que nos rodean.  
·   Roquiña. Que quere que protexamos o Planeta a través de accións como: reciclar, aforrar auga e luz, non contaminar, usar abonos naturais…
·   Terri. A mascota de “Voz Natura”, que é o programa que subvenciona todo o material e plantas que utilizamos na nosa aula de natureza. A súa misión, é a de que colaboremos na conservación, recuperación e defensa da natureza.

Cos alumnos de Leiro aproveitamos, o día que lles tocaba de merenda froita, para ir ao composteiro e botar as mondas para deste xeito contribuír á elaboración de compost para as nosas plantas e verduras.


martes, 8 de septiembre de 2015

COMEZAMOS UN NOVO CURSO…

Un curso máis, volvemos a ser un dos colexios participantes na 19ª edición do Programa Medioambiental Voz Natura. Esta vez, baixo o lema “Coida a vida. Protexe os nosos ecosistemas”, queren propoñer que se traballe a protección dos ecosistemas autóctonos con actividades como a erradicación de especies foráneas e as reforestacións con especies propias.
Nos, co proxecto que presentamos, “Loitemos por ese marabilloso tesouro natural que son as nosas árbores autóctonas”, pretendemos concienciar á comunidade educativa da necesidade que existe de desenvolver accións que leven á creación dunha cultura ambiental e ecolóxica que sexa capaz de protexer, coidar e conservar o medio ambiente.
Pensamos, que os problemas do noso planeta non son un fenómeno novo. A destrución dos bosques por incendios e a extinción de especies valiosas, son temas que están presentes constantemente e que os nenos poden ver a través da televisión, revistas, etc…E por isto que consideramos que, dende a educación ambiental, é importante que os nosos alumnos non aprendan mecanicamente e por repetición cales son os problemas e cal é a forma de solucionalos. Senón que require un cambio de hábitos e costumes, un cambio de estilo de vida e unha explicación aos nenos da necesidade de esforzarnos e de unirnos para realizar a gran tarefa que o noso planeta está demandando.

martes, 30 de junio de 2015

ACTIVIDADES DA NOSA AULA DE NATUREZA


Neste outro vídeo os nosos alumnos contan, como se fora unha historia, as actividades que realizamos na nosa aula de natureza durante este curso académico 2014-15. 
Temos que dar as grazas, de novo, á mestra Rosana por axudarnos coa montaxe, música e gravación das voces dos nenos.