O 11 de febreiro, celebramos o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Con esta conmemoración o que se pretende é, axudar a facer visíbel o traballo das científicas, crear roles femininos nos ámbitos da ciencia e da enxeñería e que se promovan prácticas que favorezan a igualdade de xénero no ámbito científico.
Para sumarnos a esta celebración no colexio tivemos varios obradoiros, dous de eles, con científicas do CSIC: Luisa, científica do Instituto de Investigacións Mariñas e Nieves, científica do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia.
Durante a mañá, os grupos de alumnos foron rotando por catro talleres: do mar, das árbores, presentación de Pequetún e confección de taumatropo de peixe disfrazado.
Luisa, a científica do mar, contounos un conto sobre as ondas do mar, ensinounos moitos tipos de cunchas, algas, esponxas e patacas de mar, area de distinto grosor, ovos de quenlla e lixo que as persoas botan ao mar e provocan a morte dos animais e demais especies mariñas.
Nieves, a científica das árbores, falounos do importantes que son as árbores, xa que nos dan sombra, axudan a que respiremos mellor, dan froitos... Amosounos algunhas especies de árbores cultivadas in vitro. Díxonos que para o cultivo das mesmas, utilízase o "agar" que é unha sustancia xelatinosa de orixe mariño que axuda a mantelos a unha temperatura estable e adecuada para a súa incubación. Ensinounos algúns froitos que nos dan. E, para finalizar o taller os nenos utilizaron follas secas as que lle pintaron unha cara alegre, para deste xeito representar o felices que están as árbores cando as coidamos.
Como xa está moi preto o Entroido, tamén fixemos un Taumatropo dun peixe e o seu disfrace. Os alumnos, pintaron as imaxes, recortáronas e as mestras pegámolas nun pauciño de pincho moruno. Ao facer xirar o pau, vemos ao peixe disfrazado.
Tamén viñeron dúas mulleres da conserveira Cermar de Cambados, para presentarnos un novo produto (Pequetún), co que queren fomentar o consumo de atún entre os nenos. Ensináronnos, a través dunha secuenciación de imaxes, como se pesca e se envasa o atún. E, para finalizar, fixemos nun caderno algunhas actividades relacionadas coas conservas, peixes... Tamén agasallaron aos nosos alumnos con dúas latas de Pequetún para que poidan probalo nas casas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario