lunes, 18 de septiembre de 2017

COMEZAMOS O CURSO 2017-18

Este curso 2017-18, volvemos a formar parte da comunidade Voz Natura na súa 21ª edición. 
O tema que nos propoñen é “A protección do patrimonio etnográfico”. É dicir, o coidado dos espazos medioambientais: protección de bens materiais (fontes, pontes, muíños, lavadoiros…) e inmateriais (tradicións e costumes relacionadas coa natureza). 
Nós, co proxecto "A natureza, os xogos populares e as tradicións... Un patrimonio por descubrir", ademais de levar a cabo as tarefas medioambientais que vimos realizando en cursos pasados ( aprender os nomes das ferramentas e utensilios de labranza e as súas normas de utilización, plantar no xardín e invernadoiro, facer compost, limpar o xardín, reciclar, reutilizar, elaborar receitas coas nosas verduras e froitas…), tamén faremos traballos e actividades que nos leven á recuperación e difusión das tradicións propias e de xogos populares que tiveron moito arraigo na nosa comunidade pero que co tempo fóronse perdendo.
A nosa intención é, que os nenos descubran unha natureza próxima, ensinarlles como sementar as plantas e árbores, a importancia de reciclar e utilizar abonos naturais (facer compost)... Pero a través desta experiencia, tamén queremos fomentar outra serie de valores como: potenciar as súas habilidades manuais, promover o traballo en equipo establecendo quendas de traballo das tarefas do xardín, enriquecer a súa expresión e sensibilidade artística e desenvolver comportamentos responsables respecto á natureza. Consideramos que todas as actividades que realizamos en torno ao noso xardín e invernadoiro, son ferramentas educativas moi valiosas que fomentan o respecto medioambiental, os valores ecolóxicos, permiten que os nosos alumnos poidan levar ás casas alimentos cultivados por eles mesmos e axudan a que valoren as súas propiedades e beneficios para as persoas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario