viernes, 27 de septiembre de 2024

UN NOVO CURSO POÑEMOS EN MARCHA A NOSA AULA DE NATUREZA

Este curso 2024-25, seguimos sendo un dos colexios que forman parte do Programa Medioambiental Voz Natura da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre.

Nesta 28º edición, quérese fomentar o coñecemento e uso da ciencia e o método científico para protexer o medio ambiente.

No CRA de Ribadumia, consideramos que as escolas son centros de aprendizaxe e que é nelas onde se deben producir os máis importantes labores de concienciación e de sensibilización medioambiental.

Debido ao maltrato que está sufrindo o noso ecosistema, todas as persoas somos necesarias para coidar o que fomos destruíndo e deteriorando, e así pouco a pouco reparar os danos ocasionados nel. Neste sentido os nenos son fundamentais xa que representan o futuro, por isto debemos ensinarlles a ser coidadosos co Planeta e a levar a cabo pequenos xestos a favor de mantelo san. Deste xeito, lograremos acadar que todo o que realizamos con eles para preservalo acabe converténdose nun hábito cando vaian medrando.

Debemos tratar de evitar que esta xeración cometa os mesmos erros que nós, é educala para construír un mundo mellor e máis sostible. Por iso, teñen que aprender a recoñecer condutas correctas, e desenvolver valores que demostren unha forma diferente de ver a natureza.

A través do noso proxecto “Educando a pequenos guardiáns do Planeta dende a escola” o que pretendemos é:

- Fomentar o se interese polo coidado e mellora do entorno.

- Conseguir que comecen a aprender cousas acerca do medio que lles rodea.

- Que empecen a diferenciar cales son as accións negativas e positivas que se realizan en canto ao coidado do medio ambiente. E ir adoptando hábitos que poidan minimizar as negativas.

- Ampliar os seus coñecementos ecolóxicos en temas como a enerxía, o cultivo das plantas, a auga, as árbores, a alimentación etc…

- Que recoñezan a importancia do emprego de abonos naturais para o xardín e invernadoiro, a través da elaboración de compost coas mondas das merendas e herbas malas do xardín.

- Que aprendan a:

·         Separar os residuos orgánicos dos inorgánicos a través da recollida selectiva.

·         Reutilizar algúns (botellas de plástico, vasos de iogur, tubos de papel hixiénico…).

- Que sexan capaces de buscar información, na zona documental da nosa biblioteca, sobre os proxectos que realizamos para deste xeito enriquecer os traballos que se levan a cabo.

O conto será un recurso moi utilizado, xa que consideramos que para os nosos alumnos de 3 a 6 anos é unha maneira máis amena e efectiva de traballar os problemas medioambientais, xa que soen identificarse cos personaxes e poñerse no seu lugar. A través del captaremos máis a súa atención e interese, atoparán unha explicación máis razoada a todo o que acontece, entenderán a súa importancia e incorporarán de forma máis natural todas as cousas que podemos facer para preservar o noso Planeta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario