martes, 28 de abril de 2020

XOGOS E MÁIS ACTIVIDADES

No blog principal do C.R.A, colguei algunhas cousiñas que podedes realizar:
- Traballar o vocabulario das partes do corpo, a través das actividades que propón a mestra Anabel de inglés.

- Exercicios físicos e técnicas de relaxación, a través do programa semanal “Móvete connosco na casa”. Unha iniciativa da Consellería Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, xunto cun grupo de especialistas de Educación Física e ás súas familias.

- Un xogo con taboleiro, do profe Mariano de psicomotricidade, semellante ao da oca para o que necesitades tamén dado e fichas de cores. En cada unha das casas, tedes que realizar algunha actividade como: tocar o pé co cóbado, facer a serpe, flexións, cantar a canción dos pitiños, dar voltas, facer cóxegas a todos os participantes, etc.

lunes, 27 de abril de 2020

OS MAIOS

Este ano, non podemos realizar a festa dos Maios na escola, xa que debido a esta pandemia estamos confinados nas casas.
Por iso, como o mes de maio é o das flores e desta celebración popular galega, propoñemos celebralo nas casas utilizando dúas etiquetas:
#maiosdendeascasas e #floresdendeasventásebalcóns


Así, podemos facer un maio con material de refugallo: árbore con cartolina en forma de triángulo, flores debuxadas ou feitas con distintos materiais que teñamos polas casas…
Ou engalanar as nosas ventás e balcóns con flores debuxadas ou realizadas reutilizando obxectos. Despois podemos colgalas formando cadenetas ou soltas.
Aquí tedes algunhas formas de realizalas.




                                                                         Están feitas con círculos, pegados un enriba doutro


         
                                 
No colexio, cando o maio xa estaba construído, tamén bailabamos ao redor del cantando coplas e utilizando dous paus de madeira como instrumentos de percusión.
Aquí tedes a nosa:


Podedes inventar algunhas estrofas máis, escribilas nunha folla e mandalas ao correo electrónico.  
Así, para o vindeiro curso, podemos incorporalas cando conmemoremos esta festa.

Con estas suxerencias o que pretendemos é, aínda que dun xeito diferente, non perder a ocasión de festexar esta tradición tan antiga e arraigada a Galicia.

Estou desexando ver as vosas creacións e as estrofas que inventades!


Lembrade que se queredes mandar fotos, das propostas que levades a cabo nas casas, o correo electrónico da aula de natureza é:

viernes, 24 de abril de 2020

CUARTO CONTO E UN ENLACE DE INTERESE

E chegou o último contacontos da profe Montse, para conmemorar a Semana do Libro.
Temos que darlle as grazas, por todos estas fermosas historias que nos contou durante esta semana.
Se pinchades no título podedes miralo e escoitalo.

Tamén se pinchades neste ENLACE, tedes acceso a un PDF moi interesante. 
Nel a psicóloga infantil Carmen Esteban, a través dunha familia de osiños, quere explícalles aos nenos e nenas como e cando van saír e que cousiñas teñen que facer para protexerse do virus. 

O MINI INVERNADOIRO E OS CESPIÑOS DE ALBA E MARTA

Hoxe recibimos correo electrónico de Fran, o papá de Marta de Ribadumia B e Alba que tamén estivo no C.R.A de Ribadumia.
Mirade que cousas máis bonitas fixeron!
Uns Cespiños, moi graciosos, aos que puxéronlles os nomes de Potatocespiño e Frankicespiño polo seu parecido con Mister Potato e Frankenstein.


E un mini invernadoiro no que plantaron sementes de rúcula, espinacas e cabazas, que xa brotaron.





CANTAS COUSAS FAN MARTA E ALBA!

AS SEMENTES DE ADRIANA E DANA XA BROTARON!


As sementes de tomate, cabaciñas, xudías e azafrán que plantaron Dana e Adriana xa brotaron.






QUE BOAS XARDINEIRAS ESTÁN FEITAS!

A súa mamá María José, dinos que tiveron un pequeno problema coas lesmas que comeron as acelgas.
O que fixeron, para que non acabaran con todas as plantiñas, foi cambialas de sitio e de noite poñelas nun lugar máis protexido para que non accederan estes pequenos bichiños.

En internet poñen dous remedios para que os caracois e lesmas non coman as nosas verduras:
Crear unha barreira con cinza ou serraduras de madeira
Poñer casca de ovo en anacos moi pequenos ao redor
Eles necesitan terra húmida para desprazarse, e estes elementos crearían unha superficie seca e rugosa que impediríalles facelo.
Aínda que no noso invernadoiro non probamos se isto funciona para combatelos, podedes intentalo na casa e contarme se o conseguides.

jueves, 23 de abril de 2020

DÍA DO LIBRO

                                                         Hoxe, 23 de abril, é o Día do Libro.


Para conmemoralo, dende a aula de natureza propoñemos o conto “¿Qué le pasa al Planeta?” de Eva Clemente.


Nel o Planeta, pouco acostumado a que o escoiten, cústalle explicar que é o que lle sucede.
Un libro que fai reflexionar a nenos/as e adultos, sobre o que estamos facendo co noso Planeta e que é o que deberiamos facer.



FELIZ DÍA DO LIBRO A TODOS!

4º CONTO

Xa temos outro conto da profe Montse.
Dade co rato no título para miralo.

miércoles, 22 de abril de 2020

DÍA DA TERRA

Hoxe, 22 de abril, é o Día da Terra
Este ano 2020, celebramos o 50 aniversario desta conmemoración.



A Terra é o lugar onde vivimos, a nosa casa, por iso debemos aprender a valorala, respectala e coidala. 
Todos os anos hai eventos para celebrar esta data, pero con motivo desta pandemia non se poden levar a cabo xa que estamos confinados.
Pero hai algunhas cousas que podemos facer dende as casas, para axudar a coidar o noso Planeta:
Evitar o uso de insecticidas e elementos químicos
Non tirar lixo na calle, nas praias, no mar, etc.
Respectar aos animais e coidalos
Apagar as luces se non fan falta, a televisión se non a miramos e os aparatos eléctricos se non os necesitamos
Comprar lámpadas de baixo consumo
Aforrar auga
Utilizar obxectos que se poidan volver a reutilizar  e que sexan biodegradables
Diminuír o consumo de bolsas de plásticos
Evitar o uso desmedido do aire acondicionado e a calefacción
Separar o lixo para facilitar o seu reciclado
Plantar árbores
Usar pilas que se poidan recargar
Non utilizar moito o coche. Podemos ir andando, en bicicleta, transporte público. Deste xeito contaminaremos menos o aire.
Facer compost para alimentar de xeito natural as nosas plantas

3º CONTO

Seguimos celebrando a Semana do Libro, co terceiro conto da profe Montse.
Pinchade no título para velo.

martes, 21 de abril de 2020

COMEDEIROS DE PAXAROS

Lía, de Leiro, xa fixo o seu comedeiro de paxaros.
Para elaboralo utilizou: un bote de fariña reciclado do seu irmá Brais, unha corda e pinturas.
Despois metéronlle dentro sementes e pan, e colgárono dunha árbore para que veñan a comer os paxariños.



QUEDOU PRECIOSO LÍA!

Agora a esperar que veñan os paxariños a comer.

XA TEMOS CESPIÑOS!

Marta, de Leiro, e o seu irmá Pablo fixeron dous Cespiños
Para o nariz, ollos e boca utilizaron pintura de dedos.



E aquí está o de Marcos de Leiro. 
Tamén usou pintura de dedos para os ollos, nariz e boca e ata lle puxo cellas. 


QUE BONITOS QUEDARON!
Agora a mollalos con auga e a esperar que lles medre o pelo.

2º CONTO E MÁIS COUSIÑAS INTERESANTES

Xa temos o segundo conto, da mestra Montse, para conmemorar a Semana do Libro. Se pinchade no seu título, podedes velo.
Tamén puxen, no blog principal, dúas entradas interesante:
- Un PDF de Tania a orientadora con enlaces a EDUCLAN (que é unha ferramenta educativa con contidos audiovisuais para nenos de 3 a 10 anos) e KIETOPARAO que son xogos educativos para que os nenos aprendan e se divirtan.
- Un circuíto de psicomotricidade que propón o mestre Mariano de E.F e, que podedes facer empregando obxectos cotiás da casa.
Pinchando en PDF e circuíto de psicomotricidade tedes acceso a eles.

E non esquezades que os blogs de Leiro, Lois, Ribadumia A, Ribadumia B e Sisán seguen activos con moitas actividades.
Tamén nos blogs de Música e Audición e Linguaxe, están poñendo moitas cousiñas.

lunes, 20 de abril de 2020

OS PITIÑOS DE CLARA

E seguimos con nacementos de poliños.
Estefanía, tamén enviou ao noso correo unha foto de Clara cun dos pitiños que tivo a súa kirika.


Como podedes ver xa o ten domesticado.

MARCOS TEN MOITOS PITIÑOS!

Sandra a mamá de Marcos mandounos un correo contándonos que o sábado foron ao galiñeiro e que por fin saíran, os ovos dunha galiña que estaba incubando unha kirika. En total foron 12 de cores variadas: amarelos, castaños, de dúas cores… Uns con plumas na cabeza outros sen elas…
Quixeron collelos pero a súa mamá non os deixou e ameazaba con peteirar.




Nesta última foto, podedes ver as cascas dos ovos de onde saíron os pitiños

Tamén enviaron un vídeo no que se ve a galiña, e aos seus pitiños, comendo.


 QUE BONITOOOOOS!

SEMANA DO LIBRO

Estamos na Semana do Libro e á profe Montse de Lois ocorréuselle facer un contacontos cada día, para todos os nenas/as do C.R.A de Ribadumia. Como este ano celebramos o centenario do nacemento de Gianni Rodari, vai a utilizar os seus contos para realizalos.
Aquí tedes o primeiro.
“El ratón y la gata”

QUE BONITO PROFE MONTSE!
No seu blog tamén tedes unhas adiviñas inventadas relacionadas con personaxes de contos. Este é o enlace a entrada onde están:

Xogades a adiviñar?

Este é o primeiro, para ver os do resto da semana tedes que ir a ao blog principal do C.R.A de Ribadumia onde os publicarei. 

Este é o enlace ao blog: http://craderibadumia.blogspot.com/

CANTO MEDROU BORJA!

Quería ensinarvos como medrou a nosa tartaruga Borja.
En setembro cumpre catro anos connosco!




Neste collage podedes vela cando a trouxemos ao colexio no curso 2016-17.


QUE PEQUENIÑA ERA COMPARÁNDOA COAS MANS DOS NENOS/AS!

Tamén quero que vexades un vídeo, no que gravei a Borja comendo.


Como dixen no vídeo, hai que alimentalas moi ben durante a primavera e verán xa que coa chegada do frío do inverno soen hibernar e teñen que ter reservas mentres o fan.
No caso de Borja, non soe hibernar xa que lle poño auga algo quente e está nun espazo no que hai calefacción.

jueves, 16 de abril de 2020

PAXAROS DENDE AS VENTÁS, BALCÓNS E XARDÍNS

A casa de paxaros que fixo Mario co seu tío Manu, vai servirme para unirme a profe Angeles e invitarvos a realizar unha nova actividade: Observar, fotografar e identificar paxaros dende as ventás, balcóns e xardíns.


Javier Rico, periodista especializado en medio ambiente y biodiversidade, lanzou unha proposta xunto con María Luisa Pinedo a través do seu proxecto Aver Aves.
A través del, neste momentos nos que esta pandemia tennos confinados, queren que gocemos da natureza sen saír da casa.
A idea é que asomemos as nosas ventás, balcóns, ou saiamos aos nosos xardíns,  e observemos e busquemos as aves que normalmente están preto de nós pero que non temos tempo de aprecialas.
O feito de que se paralizaran as actividades debido ao COVID-19, ten un efecto que é que o menor ruído nas cidades, vilas e aldeas, permite que escoitemos mellor ás aves que forman parte da nosa paisaxe urbana e rural.
A nosa proposta é que utilizando uns prismáticos, cámara ou teleobxectivo os convertades en afeccionados ornitólogos e descubrades as especies aladas que viven preto das vosas casas. Despois podedes compartir estas experiencias coa familia, amigos e connosco para que as mostremos a través do blog.
Para xogar a identificar que especie fotografades ou gravades, aquí tedes unha guía da Sociedade Española de Ornitoloxía (SEOBirdLife):
Outra cousa que podedes facer é crear comedeiros de paxaros con material de refugallo e poñelos nas nosas ventás, balcóns ou xardíns para alimentalas. Tamén podemos poñer pratiños con auga para que poidan beber e refrescarse, nos días que fai moito calor.
Aquí tedes algúns comedeiros elaborados con cartóns de leite, botellas de plástico, cascas de laranxa, latas, botes de deterxente, etc.





E para finalizar quero dicirvos dúas cousas moi interesante:
- A Sociedade Española de Ornitoloxía (SEOBirdLife), tamén abriu unha ventá á vida salvaxe coa posta en marcha dunha rede de cámaras web, que iran mostrándose na páxina a medida que comecen os períodos de cría de cada especie). A través delas, van transmitindo en directo imaxes dalgunhas especies da nosa fauna como o voitre negro, o cernícalo primilla, falcón peregrino, cegoña branca e a curuxa común. Deste xeito, queren invitarnos a todos a conectar coa natureza.
Se pinchades aquí podedes ver estas especies a través da cámara web:
https://www.seo.org/camaras/
- Como chamariades aos pitiños da curuxa da #webcamlechuza?. O Parque Nacional de Cabañeros, lanzou este concurso de debuxo para nenos/as de 5 a 14 anos (que remata o 29 de abril) coa intención de poñer nome a 3 dos 8 fillos da curuxa común (podedes vela no enlace á webcam que puxen arriba). Se querede participar, as bases do concurso tédelas na mesma páxina onde pon "bases do concurso aquí".

ESTAMOS DESEXANDO RECIBIR AS VOSAS FOTOS DAS
AVES E OS SEUS COMEDEIROS!